Thursday 02 de May de 2024

A Pobra vivirá un Samaín de medo con varias propostas lúdicas


O paso do mes de outubro a novembro trae consigo a celebración característica desta época: o Samaín. A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal deseña unha programación orientada principalmente á xente moza na cal non faltarán a música e o ambiente coa temática propia destas datas.

“Nesta ocasión queremos achega-la tradición dun xeito distendido ao tempo que reforzámo-las propostas de lecer nunha tempada baixa con relación ao ocio por causa da situación meteorolóxica”, explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. Fai fincapé tamén no vínculo deste festexo co ámbito cultural, pois as súas orixes remóntanse “a cando os poboados celtas conmemoraban o cambio de estación, o remate da colleita e o inicio dun novo ciclo; se ben se adoita vencellar tamén co período no cal se dilúe a barreira que separa o mundo dos vivos e o dos mortos.”

A axenda arrancará na noite do venres 27 cunha festa neon do terror. Un toldo situado na praza do Emigrante contará, a partir das 23.00 horas, cun obradoiro de pintura de neon, decoración propia da ocasión e música con DJ.

E o groso das actividades chegará no martes 31. A xornada comezará ás 19.00 horas coa actuación infantil Movendo os Esqueletos a cargo de Animar-t, no interior do toldo da referida praza. Ademais, a alameda converterase un ano máis nuns xardíns terroríficos e estará ambientada arredor da lenda da Santa Compaña. Transcorrerá en horario de 20.30 a 23.00 horas e requírese a inscrición previa para participar a través da seguinte ligazón https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeD3uD_4lnUQB-QE-kNgEqGK7OYx9vdESffJin06S_r6Ndg9g/viewform. O ritmo regresará á praza do Emigrante das 21.00 horas en diante cunha sesión DJ.

Convídase, polo tanto, a que as persoas asistentes “se disfracen de personaxes acordes coa temática para acentua-la atmosfera terrorífica”, engade a edil.